Tuesday 17 de September de 2024

O Concello de Lousame inicia as obras de pavimentación do camiño de Aldarís ao cruce de Burzó, nas que inviste máis de 111.000 €


Os traballos inclúen a mellora e ancheamento dunha pista de case 2 km en aglomerado en quente

O Concello de Lousame vén de iniciar as obras de mellora da capa de rodaxe dun viario municipal de 1.790 metros entre Aldarís e o cruce de Burzó. Unha actuación en aglomerado en quente que suporá unha importante mellora da seguridade viaria da zona e na que o Concello investirá 111.008 euros.

As obras, acometidas pola empresa Excavaciones Yoni Tuñas SL consisten na reparación de fochancas e perfilado das beiras da estrada, cuxa capa de rodaxe será mellorada con 6 centímetros de aglomerado en quente. Así mesmo, procederase a ampliar o ancho deste camiño nun metro (50 centímetros a cada lado) de forma que a plataforma pasar á a ter un ancho total de 4 metros.

Os traballos inclúen a reapertura de gabias e limpeza de salvagabias para garantir a correcta drenaxe da zona, así como o pintado de liñas de bordo da estrada e colocación de sinalización horizontal. Estas obras están financiadas con cargo ao Plan Complementario do POS + 2023 e dan continuidade ás obras de mellora dos accesos a Burzó, acometidas o ano pasado polo Concello de Lousame e que supuxeron un investimento de case 50.000 euros.